Arturo Ruíz-Castillo no cine español
Educado baixo parámetros da “Institución Libre de Enseñanza” e criado nun eido familiar próximo aos círculos intelectuais da Idade de Prata, o cineasta madrileño Arturo Ruiz-Castillo (1910-1994) desenvolveu desde a súa mocidade unhas polifacéticas motivacións que acabarían derivando no establecemento dunha obra tan vasta como irregular que atravesa boa parte dos acontecementos históricos máis transcendentais do pasado século, sendo así mesmo partícipe dalgúns dos procesos máis complexos e significativos do devir estético do cinema español. Alentado pola súa fonda formación cultural, esas inquietudes son xa perceptibles nun primeiro período de experimentación articulado en sintonía con determinados movementos de axitación cultural ao abeiro da Segunda República. En calquera caso, é na Guerra Civil cando os seus traballos para diversas organizacións de compromiso democrático constitúen o inicio dunha extensa carreira cinematográfica, na súa maior parte desenvolvida durante a ditadura franquista, pero que coas súas últimas obras en televisión chegaría a acadar os primeiros anos da Transición, dando así lugar a unha dilatada filmografía constituída por media centena de curtametraxes, dezaoito longametraxes de ficción e unha infinidade de traballos televisivos. Porén, pese a esporádicas reivindicacións e incisións analíticas sobre algúns dos seus filmes, o cinema de Arturo Ruiz-Castillo padece un desdén historiográfico que urxe remediar.