Investigacións
Proxectos de investigación, contratos, teses e traballos de investigación

A fotografía na revista VIDA GALLEGA. Un silandeiro universo de sentido

Até os inicios da época dourada do fotoxornalismo (a partir dos anos trinta do século XX), a fotografía de prensa veu sendo historicamente concibida, ben como apoio ilustrador dos textos, ben como atractivo visual que procura sensacionalismo e espectacularización, ou ben como ferramenta que posibilita a conversión do xornalismo doctrinario ao xornalismo informativo, grazas á capacidade denotativa e descritiva daquela. Porén, apenas se ten analizado a importancia simbólica da fotografía naqueles primeiros anos de uso na prensa.

A partir do estudo do discurso gráfico de Vida Gallega, principal revista gráfica galega do primeiro terzo do século XX, obsérvase que esta ofrece unha visión idealizada e interesada tanto da sociedade galega como da emigración a América (un dos seus temas principais), e que usa a fotografía nos espazos informativos como ferramenta promocional de representantes, negocios e intereses comerciais da burguesía emerxente. Este uso da fotografía informativa, non só para dar conta da realidade, senón tamén como soporte promocional, como ferramenta para construír o protagonismo e a notoriedade e como elemento interpretador e opinador baixo a excusa do realismo fotográfico, converteuse, co paso do tempo, nun dos principais síntomas da modernidade.

A expensas doutros estudos de caso sobre o discurso gráfico de revistas da época que poidan confirmalo, proponse que o papel da fotografía nas primeiras revistas gráficas foi algo máis que ilustrativo, que houbo “vida” antes que Life. E que foi precisamente nos espazos gráficos informativos daquelas onde comezou a excitación masiva da pulsión visual humana que caracteriza a actual sociedade occidental.

Descargar

Autor/a: Roberto Ribao FernándezDirector/a: Dra. Margarita Ledo AndiónData de lectura: 03/10/2007Cualificación: Sobresaliente Cum Laude
© 2019 Estudos Audiovisuais