Actividades
Cursos de formación, seminarios e congresos

Restos de letra e carne: memoria, creación e materia poética

O Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) coorganiza o encontro cultural da Asociación ALEPH do 2026, con foco no cinema

A actividade cultural da Asociación Aleph deste ano 2026, coorganizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais, achégase aos diferentes modos de produción poética contemporánea, amosando a pluralidade de voces e imbricacións que esta posibilita. Deste xeito, propón o diálogo entre as obras de dúas poetas —Branca Trigo e Helena Salgueiro— e unha cineasta —Anxos Fazáns— con referentes teóricos comúns e traxectorias moi diferentes. 

Ambas as poetas, Helena Salgueiro e Branca Trigo, achéganse á creación desde unha perspectiva feminista, materialista e con conciencia de clase; a primeira, combinando a escrita coa performance, a dramaturxia e a investigación; a segunda, explorando canles de distribución como o fanzine e a edición independente. A conversa entre as dúas autoras procura poñer experiencias e reflexións en común, para concluír cun recital de obras recentes que representan dúas maneiras de encarnar o texto: a escena e o libro, o papel e o corpo, a letra e a carne. Pola súa parte, Anxos Fazáns ofrece unha lectura complementaria ao explorar, a través da linguaxe cinematográfica, as experiencias corporais das vidas non hexemónicas e a relación entre a súa materialidade e a materialidade da película. 

Durante a mañá asistiremos, na Facultade de Filoloxía da USC, ao recital e coloquio entre Branca Trigo e Helena Salgueiro, cuxas propostas e experiencia en ámbitos como o editorial e os festivais de creación ofrecen unha visión completa do panorama literario contemporáneo, tanto dentro como fóra dos circuítos oficiais. Pola tarde, na Facultade de Ciencias da Comunicación, proxectarase a curta Analóxica (2019), de Fazáns, con quen se abordarán cuestións relativas á corporalidade e á visualidade háptica. Para finalizar o día, Trigo e Salgueiro presentarán na libraría NUMAX os seus últimos poemarios: Amor palimpsesta (2025) e Mundo carne (2025).

Título do curso: Restos de letra e carne: memoria, creación e materia poéticaDatas: 22/01/2026 - 22/01/2026Lugar: Santiago de Compostela
22/01/2026Santiago de Compostela
Mediateca
© 2026 Estudos Audiovisuais