Fóra de Lugar
Corpos (in)tanxibles nas culturas minorizadas da península Ibérica. Literatura, Cine e Arte
O congreso “Fóra de Lugar: Corpos (in)tanxibles nas culturas minorizadas da península Ibérica. Literatura, Cine e Arte” terá lugar en Varsovia os próximos 14 e 15 de novembro de 2019. A actividade está organizada en colaboración por diferentes entidades: o Instituto de Estudos Ibéricos e Iberoamericanos da Universidade de Varsovia, o Grupo de Investigación (OUTRA)IBERIA, o Centro de Estudos Galegos de Varsovia, o Instituto Vasco Etxepare, o Instituto Ramon Llull, o Instituto Camões, a Asociación Internacional de Estudos Galegos e o Instituto Cervantes de Varsovia.
O congreso pretende investigar, desde o enfoque corporal, como se conceptualiza a alteridade desde a literatura, a arte e o cinema catalá, galega, vasca e mirandesa:
Interesaranos como se constrúe o Outro desde a perspectiva das culturas minorizadas e como en referencia a este Outro se crean as identidades propias; e, por outra parte, como as culturas dominantes (a española e a portuguesa, respectivamente) inscriben a outridade nas culturas minorizadas, tamén queremos examinar que valores se atribúen ao Outro e como se manifestan a través do corpo desde ambas as perspectivas. Propoñemos así mesmo estudar que áreas de alteridade se enmarcan dentro das identidades catalá, galega, vasca e mirandesa, como tamén as súas posibles variantes e o seu carácter pluridimensional.
As comunicacións, cunha duración de 20 minutos, poderán realizarse en galego, euskera, catalán, castelán, portugués, mirandés e inglés. As propostas deben enviarse a través da páxina web do congreso na lapela “formulario de inscrición” antes do 15 de xuño de 2019. A cota de inscrición é de 60 EUROS / 250 PLN, a ingresar antes do 31 de agosto de 2019. Os artigos derivados do congreso, tras previa aceptación por parte das editoras, publicaranse na revista indexada Iberian Studies da Universidade Iaguelónica. A data límite de recepción de propostas será o 31 de decembro de 2019.
+info. na páxina web do congreso.
14/11/2019Varsovia