Curso sobre podcasting profesional organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais
Entre o 11 de outubro e o 13 de decembro, profesionais dos contidos sonoros e profesorado da USC abordarán os diferentes procesos e oficios implicados na creación de podcasts no contexto profesional.
Nos últimos lustros, o formato podcast vén protagonizando un auxe moi notorio, tanto en exemplos realizados nun modelo de autoprodución como en formatos abordados por grandes grupos de comunicación. Desde o Grupo de Estudos Audiovisuais organízase o curso de formación específica e a demanda “Podcasting profesional” para superar as nocións básicas e achegar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación unha formación arredor das dinámicas profesionais na creación de audio. Entre o 11 de outubro e o 13 de decembro, o temario abordará, en horario de tarde e clases de 3 horas, as distintas fases e tarefas das producións sonoras (do guión ao deseño sonoro ou a difusión), complementando as aportacións do profesorado da USC coas de traballadoras e traballadores do medio recoñecidos con varios premios Ondas.
Así, nas primeiras tres sesións tratarase o guión para podcasting con Nuria Pérez Paredes (Gabinete de curiosidades), Arturo Lezcano (En el corredor de la muerte, In situ) e Andrea Morán (La mirada encendida, Nueva carpeta). A continuación, a produción será obxecto dunha clase impartida por Ana G. Liste (Retrocorenta) e outra impartida por Marta Salicrú (directora de Radio Primavera Sound), mentres a parte de difusión a abordará Jesús Blanquiño (xefe de proxecto de Podium Podcast). Nunha segunda parte do programa haberá un achegamento ao traballo co son, cunha sesión sobre locución a cargo de Xiana Arias (Urdime), outra sobre deseño sonoro a cargo de Javi Álvarez (Catástrofe ultravioleta, La fucking condición humana), outra sobre gravación a cargo de Manuel Fidalgo (USC) e outra sobre edición a cargo de Reyes Abad, tamén da USC. Finalmente, o alumnado matriculado deberá completar un podcast propio que contará coa titorización dos membros do GEA Cibrán Tenreiro e Marta Pérez Pereiro.
A inscrición ao curso, recoñecido con 4 créditos ECTS, ten un prezo de 50 euros e debe realizarse a través da Secretaría Virtual da USC antes do 4 de outubro. A selección do alumnado fixarase segundo a titulación na que estea matriculado coa seguinte prioridade: 1. Graos en Comunicación Audiovisual, Xornalismo e Dobre Grao en ambas titulacións. 2. Máster Universitario en Xornalismo e Comunicación Multimedia: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento. 3. Programa de doutoramento en Comunicación e Información Contemporánea. 4. Alumnado egresado da Facultade de Ciencias da Comunicación. Se o alumnado do primeiro grupo non cubre as prazas dispoñibles, pasarase a seleccionar alumnado do segundo grupo, e así sucesivamente. Dentro de cada grupo, a selección farase por orde de inscrición.
11/10/2022Facultade de Ciencias da Comunicación, Santiago de Compostela