Curso de verán “Xenes, ambiente, saúde e cinema. Enfoque One Health da OMS”
O Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) coorganiza un curso de verán arredor do cinema como ferramenta para a concienciación climática
Codirixido polos investigadores do Grupo de Estudos Audiovisuais Manuel Barreiro Rozados e Pablo Calviño Tato, o curso Xenes, ambiente, saúde e cinema propón reflexionar sobre o potencial do audiovisual, e nomeadamente do cinema, como ferramenta para a educación e a concienciación ambiental. O enfoque integral One Health, promovido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) subliña a interdependencia dos diferentes axentes do planeta, as vulnerabilidades compartidas e as relacións de afectación mutua. No contexto actual de emerxencia climática, é apremiante pensar e actuar alternativas de axenciamento crítico e de toma de responsabilidade. O curso quérese un espazo colectivo no que explorar, dende a transdisciplinariedade, a potencialidade das imaxes como instrumentos de emancipación para a acción social e climática. Recolle, ademais, os encadres xenéticos, ecolóxicos e pedagóxicos necesarios para as respostas educativas ao cambio climático que se buscan dende o coidado do ambiente e a preservación da saúde.
Dirixido a: estudantes universitarios/as, profesionais da saúde, investigadores/as, docentes e público interesado na relación entre ciencia, saúde, cinema e sociedade.
Podes consultar toda a información e formalizar a inscrición aquí: https://www.usc.gal/gl/servizos/area/cultura/extension/universidade-veran/xenes-ambiente-saude-cinema-enfoque-one-health-oms-15194
29/06/2026Coliseo Noela (Noia)
