Congreso Internacional de Hispanismo e Cinema
VI Encontro académico TECMERIN na UC3M
O Congreso Internacional de Hispanismo e Cinema – VI Encontro académico TECMERIN terá lugar entre o 2 e o 5 de xullo na Universidade Carlos III de Madrid (UC3M). A coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais, Margarita Ledo Andión, proxectará o seu filme Santa Liberdade (2004) o venres 5 de xullo no Cinema Doré, despois da mesa de clausura ¿Canon o cánones sobre cine español? na que, baixo a moderación de Juan Carlos Ibáñez (UC3M), participan Josetxo Cerdán (Director Filmoteca Española), Marina Díaz (Instituto Cervantes) e o tamén membro do GEA José Luis Castro de Paz (USC).
Cinema e hispanismo, un matrimonio feliz
A atención polo cinema no campo dos estudos de hispanismo medrou evidentemente nas últimas décadas, chegando a afirmarse que este e outros medios audiovisuais deron un novo impulso ao hispanismo nos tempos da globalización económica e cultural. Este auxe da unión entre os estudos de cinema e hispanismo sucede en paralelo á implantación e consolidación do cinema como disciplina universitaria.
Son varios os factores que viñeron favorecendo esta unión. En primeiro lugar, unha mesma reformulación da noción de hispanismo, que permitiu reducir as distancias entre as distintas escolas culturais e xeográficas. En segundo lugar, o cinema demostrou ser unha ferramenta útil para o ensino do español. En terceiro lugar, as modificacións epistemolóxicas e metodolóxicas dos estudos de literatura comparada axudaron a que estas se combinen con fluidez e coexistan coa análise das expresións fílmicas. En cuarto lugar, cada vez é máis frecuente atopar profesionais académicos formados no campo do cinema. Xeración tras xeración, estes académicos contribuíron con teses doutorais e investigacións vinculadas ao cinema desde o inicio das súas carreiras, desenvolvendo unha bibliografía cada vez máis frutífera.
Os estudos de cinema permitiron ao mesmo tempo expandir as posibilidades xeográficas do hispanismo, que demostrou o seu interese en estudar a produción cultural da península ibérica (incluídas as linguas minoritarias), así como a dos países de Latinoamérica, dos hispanos de Estados Unidos e doutras diásporas, dando senso a un hispanismo trasatlántico e global. O cinema, coas súas formas de circulación, favoreceu a comunicación intercultural nun mundo no que o binomio de modernidade e globalización se despraza e cuestiona os modos tradicionais de representación.
Conferencias + Ciclo de filmes
Consonte estas ideas, o Grupo de Investigación TECMERÍN. Televisión-cine: memoria, representación e industria propón un programa variado con paneis, mesas de debate e conferencias plenarias que xa pode consultarse na web do congreso. De maneira completementaria ás exposicións máis teóricas, existirá un ciclo de cinema na Filmoteca Española, do que fai parte a proxección de Santa Liberdade, que inclúe tamén os filmes Goya en Burdeos (Carlos Saura, 1999), Poniente (Chus Gutiérrez, 2002), ¡Vente a Alemania, Pepe! (Pedro Lazaga, 1971) e Jamón, jamón (Bigas Luna, 1992).
02/07/2019Universidade Carlos III de Madrid