Actividades
Cursos de formación, seminarios e congresos

Ciclo de cinema ‘Los dos exilios’

Organizado pola Filmoteca Española

‘Los dos exilios’ explora a pegada do cinema republicano trala Guerra Civil española. O ciclo, organizado pola Filmoteca Española, está comisariado por José Luis Castro de Paz, membro do Grupo de Estudos Audiovisuais, xunto con Josetxo Cerdán e Miguel Fernández-Rodríguez. As proxeccións terán lugar no cine Doré durante os meses de abril e maio, reunindo, por vez primeira e cunha ollada ampla, os exilios internos e externos na produción cinematográfica desde a fin do conflito armado até a morte do ditador.

Trala Guerra Civil, as fértiles formas republicanas da cultura cinematográfica española encontraron vías de subsistencia tanto fóra como dentro do país. Esta hipótese -a presenza dunha esencial pegada republicana, nacional popular, no cinema español mesmo desde o primeiro franquismo- xunto coa investigación universitaria e a conmemoración do 80 aniversario do fin da Guerra Civil, substenta ‘Los dos exilios’. Esta programación inclúese dentro do proxecto de investigación Cartografías del cine de movilidad en el Atlántico Hispánico, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade y co-financiado con fondos FEDER.

A escolma

Entre os filmes seleccionados destacan as monumentais ‘Sierra de Teruel’ (André Malraux, 1939), promovida polo goberno republicano mais estrenada xa fóra de España, e a hispano-mexicana ‘En el balcón vacío’ (Jomí García Ascot, 1962), experiencia fílmica construída a partir de dolorosas lembranzas fragmentarias, financiada e realizada por españois transterrados.

Tamén estarán presentes títulos que reflicten o traballo de realizadores, guionistas, intérpretes e produtores no exilio, como Luis Buñuel e Luis Alcoriza (‘La hija del engaño’, 1951); Carlos Velo (‘Torero’, 1956); Angelillo (‘Mi cielo de Andalucía’, Ricardo Urgoiti, 1942); Miguel de Molina (‘Esta es mi vida’, Ramón Viñoly Barreto, 1953); María Casares (voz en off de ‘Guernica’, Alain Resnais e Robert Hessens, 1950); Jacinto Esteva (‘Notes Sur l’émigration’, 1962), Fernando Arrabal (‘Viva la muerte’, 1971) ou Jorge Semprún (‘Les deux mémoires’, 1973).

Igualmente, a escolma contempla outros filmes que dán conta dos modos e formas en que os cineastas que permaneceron en territorio español trataron de referirse, de maneira máis ou menos metafórica e discreta, á súa vinculación coa II República, así como ao “exilio interior” que sufrían. De tal xeito, componse unha heteroxénea selección que inclúe obras das novas xeracións formadas nos anos 30 (Antonio Román, Carlos Serrano de Osma, Arturo Ruíz Castillo); dos ‘rexeneracionistas’ dos 50 (‘El malvado Carabel’, Fernando Fernán-Gómez, 1955); do Novo Cinema Español (‘Nueve cartas Berta’, Basilio Martín Patino, 1962); e de exiliados interiores (‘El espíritu de la colmena’, Víctor Erice, 1973).

Título do curso: Los dos ExiliosDescrición: Ciclo da Filmoteca EspañolaDatas: 01/04/2019 - 31/05/2019Lugar: Cine DoréDuración: 2 meses
01/04/2019Cine Doré
Descargas
– El largo camino . pdf | 448.71 KB
Mediateca
© 2024 Estudos Audiovisuais