O sector audiovisual e a sociedade da información en Galicia. Situación e prespectivas
Esta tese de doutoramento está motivada pola necesidade de coñecer a implicación da primeira industria cultural de Galicia, o audiovisual, cos patróns definitorios da Sociedade da Información.
O traballo divídese en dúas partes. Na primeira delas, o autor crea un sistema de indicadores que permiten medir a implicación de cualquera sector industrial coa SI, sempre e cando se sitúe nunha comunidade occidental. Na segunda parte, esta métrica experiméntase empiricamente co sector audiovisual galego, utilizando como referencia o quinquenio 2000-2005, con especial atención ao bienio 2001-2002. Este período de tempo está motivado por ser o primeiro no que se aprecia a influencia da Lei do Audiovisual Galego, aprobada no ano 1999, na que se determina o valor estratéxico deste sector en Galicia.
Neste traballo de investigación analízanse tres aspectos que conforman os tres grandes obxectivos da Sociedade da Información: o avance da calidade de vida que supón a SI, a transformación do produto “información” en valor de mercado e o grao de compromiso do sector audiovisual coa denominación de orixe “made in Galicia”. A partir desta clasificación, analízase o papel da administración, o da cidadanía e, fundamentalmente, o do sector produtivo deo audiovisual galego.
O traballo segue unha metodoloxía hipotético-dedutiva na que se establecen tres obxectivos, tres hipóteses, un marco teórico onde se establece unha definición de Sociedade da Información e onde se analizan as diferentes métricas utilizadas no mundo para a Sociedade da Información, unha análise de datos recollidos a través de enquisa e de entrevista en profundidade e a redacción final.