Investigacións
Proxectos de investigación, contratos, teses e traballos de investigación

A televisión local en Ecuador. Contexto actual e perspectivas. Caso de estudo Zona 7

A globalización, os avances tecnolóxicos, a dixitalización e a converxencia dixital, sitúan a televisión local nun escenario no que o próximo se convirte nun recurso competitivo ante a inmensa oferta de televisión que se presenta hoxe en día. Neste senso, dirixir a ollada ao estudo da televisión local en Ecuador conleva reflexionar sobre a situación actual e o futuro das televisións locais. Estes medios son capaces de xerar a súa propia comunicación audiovisual e de reforzar a súa identidade, elementos vituais para as industrias audiovisuais se fortaleceren. Esta tese doutoral mostra unha radiografía do contexto actual e perspectivas da televisión local en Ecuador. O estudo céntrase na Zona Sur, que abarca tres provincias: Loja, El Oro e Zamora Chinchipe. A área xeográfica escollida posúe unhas características interesantes, nela converxen tres rexións. Esta particularidade abre o panorama para observar os diversos estereotipos culturais, os gustos e preferencias dos cidadáns fronte á oferta de programación que outorgan as televisións locais. Trátase dun traballo exploratorio-descritivo, a través do estudo de casos. Empregáronse varios instrumentos de investigación para recoller información: entrevistas a responsables das TV locais e observación non participante; análise da programación e páxinas web; entrevistas a expertos públicos, académicos e profesionais e grupos de discusión ás audiencias localizadas na Zona 7. As conclusións determinan que as televisións locais actúan como un instrumento estratéxico de proximidade e de aporte ao desenvolvemento social, cultural e económico das pequenas localidades.

Descarga

Autor/a: Kruzkaya Ordóñez GonzálezDirector/a: Ana Isabel Rodríguez VázquezData de lectura: 26/11/2018
© 2024 Estudos Audiovisuais