Actividades
Cursos de formación, seminarios e congresos

“O mundo en 2023: Anatomía dunha policrise” por Ignacio Ramonet

Este seminario ambiciona explicar e clarificar a actual ecuación xeopolítica mundial nas súas diversas arestas.

A pandemia de Covid-19, durante case tres anos (2020 a 2022) fixo estarrecer o planeta. Cun saldo humano abraiante de nove millóns de mortos, máis de mil millóns de doentes, cando se encomezaba a albiscar unha saída do túnel pandémico, en febreiro de 2022, estalou a guerra de Ucraína… Un conflito de dimensións mundiais polas súas consecuencias económicas globais, os seus efectos xeopolíticos planetarios, as súas inéditas dimensións militares… E iso non rematou. Ninguén pode desbotar unha escalada. Ou que os belixerantes finalmente recorran ás armas nucleares… A estes dous sismos centrais, engádense outras cinco impetuosas sacudiduras non menos desacougantes:

1) As que ocasiona, na esfera económica, a fin da globalización, sen que o capitalismo teña unha proposta de substitución…

2) As que traen canda elas a delicuescencia e descomposición do sistema internacional, empezando pola Organización de Nacións Unidas (ONU) e o Consello de Seguridade… Un sistema creado en 1945, despois da Segunda Guerra Mundial, que non funciona. Pero nada o substitúe…

3) As que, en todas as latitudes do planeta, andan a provocar os efectos acelerados do cambio climático: secas, incendios, inundacións, xeadas, ciclóns, tempestades…

4) As que causan as masivas migracións humanas de dimensión bíblica que, por primeira vez, afectan a todas as rexións da Terra…

5) As que xeran, en todas as sociedades, os impactos imprevistos das rápidas innovacións tecnolóxicas no campo da comunicación de masas, das redes sociais, da intelixencia artificial, do cálculo cuántico e da vixilancia xeneralizada…

Todas estas crises prodúcense simultaneamente. Áchanse entrelazadas. Crúzanse. Unhas manteñen as outras. E, entre todas elas, debuxan un panorama complexo de pasmo e sobresalto. Ninguén acerta a entender o que acontece. Ninguén está a salvo. No comportamento dos cidadáns, esta policrise está a producir uns impactos e uns traumas que desconcertan, aparvan e deprimen. Os propios gobernantes -de calquera país- áchanse desorientados. Incapaces de comprender os novos retos e os novos desafíos que están a acontecer a escala global. Peor aínda, a maioría dos Gobernos revélanse inhábiles e incompetentes á hora de fixar perspectivas e de propor solucións.

Este Seminario ambiciona explicar e clarificar a actual ecuación xeopolítica mundial nas súas diversas arestas. E exporá unha grella de lectura documentada dos acontecementos en curso. Para que cada cidadán, cada cidadá entenda con claridade o que está a pasar no mundo.

Dr. Ignacio Ramonet

Doutor en Ciencias Sociais por l’ École des Hautes Études en Sciences Sociais, París (Francia). Director de Le Monde diplomatique en español. Profesor de Teoría da Comunicación na Universidade de París VII. Doutor Honoris Causa por cinco universidades internacionais. Especialista en Xeopolítica e Estratexia Internacional. Consultor da ONU. Fundador do Foro Social Mundial e creador da súa lema “Outro Mundo é Posíbel”. Fundador da ONG Media Watch Global. Fundador e Presidente de Honra de Attac. Recibiu innumerábeis premios, distincións e recoñecementos, entre eles varios de Xornalismo (o Rodolfo Walsh, de Arxentina; o Antonio Asensio, de España; o Feliz Elmuza, de Cuba); a Medalla de Ouro do Senado francés; e o recoñecemento (Proclamation) do Senado e da Cámara de Representantes dos Estados Unidos “polas súas extraordinarias achegas como escritor, catedrático, xornalista e crítico”. Ditou conferencias e foi rirector de seminarios en distinguidas universidades de todo o mundo. É autor dunha trintena de libros, todos traducidos a diversas linguas. Entre eles: Como nos venden a moto (con Noam Chomsky); Un Mundo sen rumbo; A tiranía da comunicación; Propagandas silenciosas; Guerras do Século XXI; A crise do século; A explosión do xornalismo; O Imperio da vixilancia; A era do conspiracionismo, e de dous best-sellers mundiais: Fidel Castro, biografía a dúas voces e mais Hugo Chávez: A miña primeira vida.

Título do curso: Seminario “O mundo en 2023: Anatomía dunha policrise” por Ignacio RamonetDescrición: Este seminario ambiciona explicar e clarificar a actual ecuación xeopolítica mundial nas súas diversas arestas. Datas: 25/05/2023 - 25/05/2023Lugar: Auditorio da Facultade de Cc. da ComunicaciónDuración: 2 h.
25/05/2023Auditorio da Facultade de Cc. da Comunicación
Descargas
Mediateca
© 2024 Estudos Audiovisuais