Actividades
Cursos de formación, seminarios e congresos

Presentación dos resultados do proxecto ‘Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela’

Trátase dunha iniciativa de Aprendizaxe-Servizo, na que o alumnado se converte en voluntario con capacidade para mellorar unha necesidade social da súa contorna

Un podcast cultural sobre os cafés teatro de Compostela, un mapa sonoro da cidade, un percorrido fotográfico polos barrios ou pequenas pezas audiovisuais son algúns dos resultados do proxecto de innovación educativa ‘Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela’ que este mércores se presentarán na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Coordinada polo profesor de Ciencias da Comunicación Enrique Castelló, membro do Grupo de Estudos Audiovisuais, a iniciativa preséntase baixo o formato de Aprendizaxe Servizo (ApS), unha nova metodoloxía pedagóxica baseada nun modelo didáctico participativo, comprometido e crítico. Consiste nunha aprendizaxe evolutiva e continua na que cada tema transcende as marxes da aula de maneira que o alumnado se converte en voluntario con capacidade para illar unha necesidade social ou problema no seu contorno inmediato e de contribuír á súa mellora a través da implementación dos contidos da materia.

“O obxectivo fundamental desta ApS apunta ao empoderamento cidadá na gobernanza participativa verbo do seu patrimonio material e inmaterial dende a creatividade e capacidade innovadora do noso alumnado”, explica Castelló.

Os resultados desta ApS, na que participan máis de 350 estudantes de tres Facultades, presentaranse este mércores 26 ás 11.30 horas nun acto que presidirá a vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro, e ao que asistirá o alcalde Martiño Noriega. Intervirán tamén o profesor Enrique Castelló, as alumnas Nuria Cancela e Alba Pego, o profesor de Ciencias da Educación e membro do Grupo de Investigación Esculca Alexandre Sotelino, e o presidente da Asociación de Veciños Raigame, José Manuel Durán.

Título do curso: Presentación dos resultados do proxecto 'Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela'Descrición: Unha iniciativa de Aprendizaxe-Servizo, na que o alumnado se converte en voluntario con capacidade para mellorar unha necesidade social da súa contornaDatas: 26/09/2018 - 26/09/2018Lugar: Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación
26/09/2018Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación
Descargas
© 2024 Estudos Audiovisuais