Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Xornada: O financiamento de proxectos musical a través do patrocinio privado

07/10/2014

Xoves, 16 de
outubro de 2014. Consello da Cultura Galega.

O investigador Xaime Fandiño coordina este encontro organizado polo Consello da Cultura Galega en Colaboración co equipo Canal Campus do Grupo de Estudos Audiovisuais.

O investimento público na industria musical galega vén diminuíndo nos últimos anos. A partir dos anos oitenta, eses ingresos medraron exponencialmente e modificaron as dimensións globais e o peso dos diferentes subsectores do negocio musical propio. Moitos consideran, agora, esa intervención pública curtopracista e falta de visión industrial como unha das principais causas das actuais eivas do sector. Aquel investimento público xestionado con criterios non profesionais é evidente en políticas como a gratuidade xeneralizada para o acceso aos eventos musicais ―financiados con cargo ao erario municipal ou autonómico― ou a inflación dos prezos dos provedores, evidente nos cachés dos artistas e nos servizos das industrias auxiliares. Como resultado, ese fluxo económico, no canto de afianzar o sector, alterou a cadea de valor e impuxo un modelo de crecemento non sostible, unha pequena burbulla que, coma outras, estourou e deixou unhas secuelas das que o sector aínda non foi capaz de recuperarse.

Así o pon de manifesto o equipo de investigación Canal Campus, pertencente ao Grupo de Investigación Estudos Audiovisuais da USC, dedicado nos últimos anos ao estudo da nosa industria musical. A súa especialización no campo dos Popular Music Studies levou a Canal Campus a afondar, entre outras liñas de investigación, na actividade das orquestras de verbena ou no papel dos festivais, tanto de música urbana como tradicional.

A proposta do Consello da Cultura Galega e Canal Campus é xuntar nesta xornada empresas cunha clara traxectoria de patrocinio de eventos musicais con axentes, creadores e promotores da industria musical propia para coñecer de primeira man as súas necesidades e intereses, así como as súas demandas respecto de políticas públicas útiles para o sector, como a lexislación de mecenado ou incentivos fiscais. No canto das axudas directas da Administración, este tipo de intervención pública podería contribuír a potenciar unha industria musical sostible, un obxectivo en que a iniciativa privada parece decisiva se botamos unha ollada a países cunha actividade musical saudable, tanto desde o punto de vista cultural como económico.

En definitiva, o encontro entre representantes do ámbito da creación, promoción, financiamento e difusión quere axudar a establecer unha visión plural do estado do sector co fin de trazar vías alternativas para a superación dun modelo en crise.

Inscríbete!

Descarga aquí o programa

MÁIS NOVAS
Margarita Ledo Andión participa nas xornadas “50 anos do 25 de abril”
A Catedrática emérita do GEA estará presente no coloquio: "O 25 de abril do outro lado do Miño" na Facultade de Filoloxía da USC
12/04/2024

A Revolución dos Caraveis, o levantamento militar do 25 de abril de 1974 en Portugal, denominado en portugués Revolução dos Cravos, derrubou nun día o réxime político ditatorial que existía no país veciño desde 1926. As cinco xornadas que compoñen o programa das xornadas que conmemoran os 50 anos deste feito histórico, desenvolveranse desde o […]

Seguir lendo
30 aniversario da AGAPI
A segunda xornada terá lugar o mércores 17 de abril na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC
12/04/2024

Neste 2024 AGAPI celebra o seu 30 aniversario e unha das accións que vai levar adiante é a celebración dunhas xornadas formativas itinerantes polas tres universidades galegas nas facultades de Ciencias da Información dentro do Grao de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Universidade de Vigo (UVIgo) e Universidade da Coruña (UDC). […]

Seguir lendo
Roi Méndez e Rocío del Pilar Sosa presentan The White Book for teaching through virtual TV sets
A comunicación na Open Universiteit tivo lugar o 8 de marzo.
14/03/2024

A conferencia Cloudclass: Innovative teaching with virtual studio technology tivo lugar o pasado 8 de marzo de 2024 na Open Universiteit (Heerlen). Educadores, expertos técnicos e estudantes reuníronse coa fin de afondar no ámbito da tecnoloxía inmersiva e nas súas aplicacións na educación. O evento, que marcou a culminación do proxecto CloudClass: Low Cost, Mobile, […]

Seguir lendo
© 2024 Estudos Audiovisuais