Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Xa dipoñible o monográfico de L’Atalante vinculado ao I+D+i sobre o cinema español posbélico

02/08/2015

Acaba de ser editado o número 20 de L’Atalante. Revista de estudios cinematográficos, co título Heridas, pervivencias, transformaciones. Modelos de estilización en el cine posbélico español (1939-1962). Trátase dun número monográfico vinculado ao Proxecto de Investigación Cara unha reconsideración da cultura posbélica: análise dos modos de representación no cinema español (1939-1962) a partir da impronta de Wenceslao Fernández Flórez (CSO2012-34648. Mineco – Goberno de España), coordinado polo Investigador Principal José Luis Castro de Paz e o divulgador cinematográfico Santiago Barrachina Asensio, contando coa participación de gran parte dos investigadores que conforman o equipo de traballo do Proxecto.
Así pois, o Cuaderno da revista —cinco de cuxos sete artigos foron elaborados directamente dende o Proxecto— consiste nunha reflexión sobre a evolución de determinados modelos de estilización desenvolvidos no cinema español ao longo dos anos corenta e cincuenta do pasado século, con diversas aproximacións —de José Luis Castro de Paz, Fernando Gómez Beceiro, Héctor Paz Otero, Javier Moral Martín, Fernando Redondo Neira, Sonia García López, Iñigo Larrauri Garate, Susana Díaz e Manuel de la Fuente— que inciden nas transformacións fílmicas e históricas dese período do noso cinema, aínda tan deostado e mal coñecido coma fascinante e poboado de títulos de incontestable altura estética e cultural.
Ademais, o Diálogo do número recupera unha entrevista de José Luis Castro de Paz e Julio Pérez Perucha ao cineasta José Antonio Nieves Conde —figura clave no cinema da posguerra española—, mentres que a sección (Des)encuentros incorpora unha discusión de cinco relevantes historiadores cinematográficos —Santos Zunzunegui, Juan Miguel Company, Alejandro Montiel, Jean Claude Seguin e Jenaro Talens— que supón un exercicio de necesaria actualización teórica e historiográfica deste transcendental período do cinema español.
L’Atalante. Revista de estudos cinematográficos é unha publicación semestral sen ánimo de lucro editada en Valencia coa colaboración de diversas universidades, e indexada en prestixiosos catálogos, directorios, sumarios e bases de datos de revistas de investigación e divulgación científica, figurando a nivel internacional en Arts and Humanities Citation Index® e en Current Arts and Humanities® de Thomson Reuters (Filadelfia, EUA), en Latindex (Sistema Rexional de Información en Liña para Revistas Científicas de América Latina, o Caribe, España e Portugal), en SCOPUS de Elsevier (Ámsterdam, Países Baixos) e en Library of Congress (Washington, EUA). En España consta na base de datos do CSIC de Revistas de Ciencias Sociais e Humanas ISOC, no portal bibliográfico de literatura científica hispana DIALNET e en REBIUN (Rede de Bibliotecas Universitarias).
O número Heridas, pervivencias, transformaciones. Modelos de estilización en el cine posbélico español (1939-1962) xa está dispoñible na súa versión dixital en castelán a través da páxina web da revista e proximamente publicarase tamén en lingua inglesa, contando así mesmo cunha edición impresa que estará dispoñible a partir de setembro.

MÁIS NOVAS
Arranca o Seminario Permanente CO(M)XÉNERO na USC
07/11/2018

O luns 12 de novembro a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a primeira sesión do CO(M)XÉNERO, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero que organiza o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) . Dirixido por Margarita Ledo Andión, Catedrática de Ciencias de Comunicación e Publicidade da USC e coordinadora […]

Seguir lendo
As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega
Xornadas do CDG
16/10/2018

O Consello da Cultura Galega organiza estas xornadas que exploran as aplicacións tecnolóxicas relacionadas coa lingua para analizar a presenza do galego na contorna dixital. Nelas participa Pablo Romero Fresco, un dos investigadores do proxecto EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas (AEI, ref. CSO2016-76014-R), á súa vez director […]

Seguir lendo
Margarita Ledo, Xaime Fandiño e Brais Romero participan nas “Mesas interxeracionais do audiovisual galego” en Curtocircuíto
Do 4 ao 5 de outubro en Santiago de Compostela
28/09/2018

Tres integrantes do Grupo de Estudos Audiovisuais tomarán parte nas Mesas interxeracionais do audiovisual galego: xornadas construtivas para destruír tópicos, mitos e prexuízos do noso sector’, un conxunto de relatorios e debates que este ano ofrece o XV Festival Internacional de Cine- Curtocircuíto para atopar puntos en común entre os diferentes profesionais e os seus xeitos […]

Seguir lendo
© 2018 Estudos Audiovisuais