Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Pesar polo pasamento de José Marques de Melo

21/06/2018

Coas verbas que Margarita Ledo pronunciou na homenaxe ao Professor José Marques de Melo durante o Congreso da AE-IC celebrado en Madrid en 2016, o Grupo de Estudos Audiovisuais expresa o fondo sentir polo pasamento deste mestre e colega investigador.

Homenaxe da AE-IC ao Prof. Dr. José Marques de Melo

Catedrático Emérito da Universidade de Sao Paulo, Director da Cátedra UNESCO de Comunicación, Presidente de Honra de INTERCOM

Sob o signo de palabras como Memoria, como Desafío, botando man de da chave do tempo achegámonos, na punta dos pés, a unha obra diversa e a unha biografía persoal e intelectual inmensa: a do Catedrático Emérito da Universidade de Sao Paulo, Director da Cátedra UNESCO de Comunicación, Presidente de Honor de INTERCOM, prof. José Marques de Melo.

Entramos nun universo que exhibe e advirte da necesidade de relacionar e mantén activas todas as cariátides –e a cultura oral é unha delas- que, na historia e sempre a partir das coordenadas precisas do espazo a labrar, fan emerxer diferentes modos de expresión cos que construímos ese tecido rugoso que até hai ben pouco denominamos “relacións sociais de comunicación” e que, arestora, identificamos, nunha das súas variantes, como “cooperación”.

Tal si se tratase dun realizativo, esta palabra, cooperación, non evita nin debe disimular o conflito. Aínda menos enmascarar intereses, desalentar tomas de posición, eludir contradicións que nutren o campo científico secomasí as distintas escolas metodolóxicas. Porque, desde elas, de maneira dialóxica –outra volta un termo que identifica a nivel práctico e de pensamento o profesor Marques de Melo-, podemos converter a cooperación nunha experiencia de coñecemento e nun proceso transformador.

É este un dos múltiples sentidos que definen o Congreso da AEIC e por iso recoñecemos ao nordestino que di de si mesmo: Herdei do meu clã sentimentos de independência, justiça e tolerancia. Marques é un deses académicos e comunicólogos que fai xenealoxía e, desde o seu propio “Itinerário Circunstancial de um Andarilho da Utopia”, explícanos a pasaxe do rexistro factual ao pensamento, do vestixio á contextualización e interpretación da proba empírica, do enunciado á reflexión crítica. Do tema ao problema.

En continuo movemento, o ronsel que conduz até o profesor Marques de Melo da profesión de xornalista cara a Academia, das pescudas parciais dos sesenta até a localización e configuración daqueles paradigmas teóricos que alicerzan e definen o campo dos estudos de comunicación en Brasil; ese ronsel, dicíamos, espállase nunha ampla produción científica, capacidade organizadora e creación de estruturas en rede, á par dunha vocación divulgadora e de aplicación do coñecemento que, consonte co seu compromiso ético-político, vese reflectida na recén creación do Seminario (permanente) de investigación latinoamericana de comunicación “José Marques de Melo” no seo de CIESPAL, unha estrutura que o acollera, como bolseiro UNESCO, aló polos difíciles sesenta.

Nacido en Palmeira dos Índios, Alagoas (Brasil), Marques de Melo estuda na Universidade de Pernambuco e no 1959 inicia o seu periplo como xornalista local. En 1966, da man de Luiz Beltrao, comezo a a súa carreira académica e unha longa travesía en pos da construción do que agora identificamos coma Escola latino-americana de Ciencias da Comunicación. En 1967 Marques de Melo, xa en Sao Paulo, funda o Centro de Pesquisas de Comuniçao Social na Facultade de Jornalismo Cásper Libero e será docente-fundador da Escola de Comunicaçoes e Artes de la USP. Expulsado da Universidade pública pola ditadura militar, no setenta e nove retoma a cátedra na Universidade de Sao Paulo onde vai ser director da ECA entre o oitenta e nove e o noventa e tres. De 1997 a 2000 dirixe a Universidade Metodista onde, durante 10 anos, será titular da cátedra UNESCO de “Comunicación para el desenvolvimiento regional”. A concesión do Prêmio Jabuti, en 2013, por História do Jornalismo ou a serie de 4 volumes que na colección “Fortuna Crítica” lle dedica a INTERCOM e que analizan aspectos sociais, mediolóxicos, teóricos, pedagóxicos ou de vangarda e liderado, son unha pequena mostra do recoñecemento a unha experiencia “EntreNaçoes e Inter-Relacoes”, parafraseando o título dunha obra de 2013 na que autores e autoras dun mapa virtual -que se alonga de Montreal a Porto pasando por toda Iberoamérica – entran en diálogo co seu legado.

Discernir, aplicar a proxectos, organizar estruturas de mediación, compilar, divulgar, conectar as persoas que se inician na investigación cos vellos Mestres e Mestras… Nunca caeu na armádella de confrontar os dereitos individuais cos colectivos, nin a comunicación profesional coa comunitaria. Nas súas obras, desde Estudos de jornalismo comparado (de 1972), até História Política das Ciências da Comunicaçao, o Mídia e Cultura Popular, ambas en 2008, desde Comunicación Multicultural en Iberoamérica – Historia Conceptual y Teoría Comparada, en 2010,a Teoria e metodologia da comunicação, en 2015, a observación dos cámbios, a interculturalidade, o diálogo entre formación, construción de comunidade de pensamento e de acción así como lexitimar, a nivel internacional, o espazo latino-americano de comunicación, para alén do estudo das relacións -visíbeis e latentes- entre medios, democracia e poder, nortean un fecundo modo de facer e de saber que neste Congreso da AE-IC queremos celebrar.

Tiven a sorte de cruzarme co profesor Marques de Melo en 1988, con motivo do Congreso da IAMCR na cidade de Barcelona e en 1998 convocábamos en Compostela, coa súa presenza, o II Coloquio Brasil-Estado Español de Ciencias de la Comunicación. Coma outras colegas da AE-IC, agora formo parte do “Colegio dos Brasilianistas da Comunicaçao”, unha iniciativas que, da súa man, botou a andar en 2015, fai apenas un ano.

Situar a diversidade no corazón do sistema mediático, tomar distancia e repensar a sociedade do coñecemento, construír comunidade, vencellar a democracia política co rol dos medios de comunicación, alentar un, dous, moitos lugares de debate e de vínculos entre todas e todos nós, son características que o definen e cuxos resultados podemos tocar coa man.

Porque a súa actitude e capacidade para incorporar achegas e opinións novas, fan que poidamos transitar as diferentes paisaxes que atravesou -do periódico local á ECA, da presidencia auroral na INTERCOM, a LUSOCOM, a CONFIBERCOM ou a SOCICOM a innúmeras iniciativas pedagóxicas ou editoriais, son incontábeis os premios e gabanzas que, coma este acto, queren manifestar unha vez máis: profesor Marques, por tudo, obrigados, obrigadiña e como dicimos pola miña terra, “saúde e que cante o merlo”.

Margarita Ledo Andión
Universidade de Santiago de Compostela, USC
Vicepresidenta 1ª de la AE-IC
Presidenta da AGACOM e da LUSOCOM
Vicepresidenta da ASSIBERCOM

Madrid, 5 de xullo de 2016

MÁIS NOVAS
As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega
Xornadas do CDG
16/10/2018

O Consello da Cultura Galega organiza estas xornadas que exploran as aplicacións tecnolóxicas relacionadas coa lingua para analizar a presenza do galego na contorna dixital. Nelas participa Pablo Romero Fresco, un dos investigadores do proxecto EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas (AEI, ref. CSO2016-76014-R), á súa vez director […]

Seguir lendo
Margarita Ledo, Xaime Fandiño e Brais Romero participan nas “Mesas interxeracionais do audiovisual galego” en Curtocircuíto
Do 4 ao 5 de outubro en Santiago de Compostela
28/09/2018

Tres integrantes do Grupo de Estudos Audiovisuais tomarán parte nas Mesas interxeracionais do audiovisual galego: xornadas construtivas para destruír tópicos, mitos e prexuízos do noso sector’, un conxunto de relatorios e debates que este ano ofrece o XV Festival Internacional de Cine- Curtocircuíto para atopar puntos en común entre os diferentes profesionais e os seus xeitos […]

Seguir lendo
Preséntase os resultados do proxecto “Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela”.
Trátase dunha iniciativa de Aprendizaxe-Servizo, na que o alumnado se converte en voluntario con capacidade para mellorar unha necesidade social da súa contorna
25/09/2018

Un podcast cultural sobre os cafés teatro de Compostela, un mapa sonoro da cidade, un percorrido fotográfico polos barrios ou pequenas pezas audiovisuais son algúns dos resultados do proxecto de innovación educativa ‘Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela’ que este mércores se presentarán na […]

Seguir lendo
© 2018 Estudos Audiovisuais