Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

O CGAI e a Deputación da Coruña organizarán un ciclo especial coincidindo co Simposium sobre a impronta de W. Fernández Flórez no cinema español

09/03/2014

Sumándose á conmemoración do cincuenta aniversario do pasamento do escritor coruñés e coincidindo co Simposium Internacional Costumismo, humor, melancolía, reflexividade: Impronta de Wenceslao Fernández Flórez no cinema español, que se celebrará en Santiago e A Coruña os días 27 e 28 deste mesmo mes, o Centro Galego de Artes da Imaxe e a Deputación da Coruña, coa colaboración de Filmoteca Española, organizarán a finais de marzo e comezos de abril o ciclo Influencia de Wenceslao Fernández Flórez no cinema español.
Concibido ao abeiro do Proxecto de Investigación Cara unha reconsideración da cultura posbélica: análise dos modos de representación no cinema español (1939-1962) a partir da impronta de Wenceslao Fernández Flórez (CSO2012-34648, Plan Nacional de I+D+i 2013-2015, Mineco – Goberno de España), a mostra está coordinada por José Luis Castro de Paz (Investigador Principal do Proxecto e director do Simposium), e componse de dez títulos, entre os que se inclúen destacadas adaptacións fílmicas das novelas e relatos do autor (coma El hombre que se quiso matar –Rafael Gil, 1941-42–, La casa de la lluvia –Antonio Román, 1943–, El destino se disculpa –José Luis Sáenz de Heredia, 1945– ou El malvado Carabel –Fernando Fernán-Gómez, 1955–), pero tamén películas non directamente extraídas dos seus textos, nas que aínda así é posible rastrear a extraordinaria influencia que os seus críticos relatos exerceron sobre as obras dalgúns dos máis importantes cineastas españois, antes e despois de 1939 (Esa pareja feliz –Luis García Berlanga e Juan Antonio Bardem, 1951–, El guardián del paraíso –Arturo Ruiz-Castillo, 1955– e La vida por delante –Fernando Fernán-Gómez, 1958–, entre outras).
Nas súas primeiras xornadas, entre o 25 de marzo e o 1 de abril, o ciclo desenvolverase integramente no CGAI, ata concluír cunha sesión especial no Teatro Colón o 2 de abril ás 20.30 horas, na que, como colofón, proxectarase Camarote de lujo, dirixida por Rafael Gil, interpretada polo galego Antonio Casal e rodada na Coruña en 1957.
Ademais, acompañará un libro-folleto con textos de relevantes historiadores do cinema e da literatura sobre a transcendente relación entre a obra do escritor galego e o cinema español.

MÁIS NOVAS
Arranca o Seminario Permanente CO(M)XÉNERO na USC
07/11/2018

O luns 12 de novembro a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a primeira sesión do CO(M)XÉNERO, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero que organiza o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) . Dirixido por Margarita Ledo Andión, Catedrática de Ciencias de Comunicación e Publicidade da USC e coordinadora […]

Seguir lendo
As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega
Xornadas do CDG
16/10/2018

O Consello da Cultura Galega organiza estas xornadas que exploran as aplicacións tecnolóxicas relacionadas coa lingua para analizar a presenza do galego na contorna dixital. Nelas participa Pablo Romero Fresco, un dos investigadores do proxecto EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas (AEI, ref. CSO2016-76014-R), á súa vez director […]

Seguir lendo
Margarita Ledo, Xaime Fandiño e Brais Romero participan nas “Mesas interxeracionais do audiovisual galego” en Curtocircuíto
Do 4 ao 5 de outubro en Santiago de Compostela
28/09/2018

Tres integrantes do Grupo de Estudos Audiovisuais tomarán parte nas Mesas interxeracionais do audiovisual galego: xornadas construtivas para destruír tópicos, mitos e prexuízos do noso sector’, un conxunto de relatorios e debates que este ano ofrece o XV Festival Internacional de Cine- Curtocircuíto para atopar puntos en común entre os diferentes profesionais e os seus xeitos […]

Seguir lendo
© 2018 Estudos Audiovisuais