Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

O Grupo Estudos Audiovisuais coorganizou o XIII Congreso da AEHC

10/02/2012

Dentro das actividades do XIII Congreso da Asociación Española de Historiadores do Cine, celebrado do 10 ao 12 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación, proxectáronse en primicia absoluta as imaxes recuperadas de Galicia, de Carlos Velo, e conmemorouse o 20º aniversario do Centro Galego de Artes da Imaxe.

Do 10 ao 12 de marzo de 2011 a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu o XIII Congreso da Asociación de Historiadores do Cinema, dedicado ao cine español realizado durante a II República (1931-1939). O grupo de Estudos Audiovisuais coorganizou o evento xunto coa propia Asociación Española de Historiadores do Cine (AEHC), a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e a Xunta de Galicia.

Os organizadores do congreso coinciden en cualificar de exitosa a XIII Edición do Congreso, tanto polo elevado nivel medio dos relatorios e as sesións científicas, que deron lugar a frutíferos debates, como pola boa acollida do certame que albergou en cada unha das sesións un importante número de estudantes e profesores universitarios, investigadores do eido cinematográfico e público en xeral interesado polo cinema.

O tema central da presente edición, o cinema español durante a II República e a Guerra Civil, serviu de escenario idóneo para a proxección en primicia absoluta do material recuperado a finais de 2010 de Finis-Terrae (Galicia) do ourensán Carlos Velo, obra fundacional do cinema galego do que ata agora só se conservaban 8 minutos de duración. Tras a proxección do material novo en bruto, o xoves á noite, celebrouse unha sesión científica o venres 11 pola tarde, no que a catedrática Margarita Ledo, xunto a Ramiro Ledo e Pablo Cayuela presentaron o traballo de investigación “Galicia 1936-2011. Estudos sobre o filme de Carlos Velo”, no que amais de demostrar en imaxes a pertenza do material recuperado ao Galicia de Velo, propuxeron unha montaxe final da obra que risca os 22 minutos de metraxe completa.

Outra das sesións especiais do congreso tivo lugar o xoves 10 pola noite coa conmemoración do vixésimo aniversario do Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia, nun acto protocolario presidido polo director do CGAI, Guillermo Escrigas, e o Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, ao remate do cal se proxectaron varias pezas galegas da II República.

Asemade, a Asociación Española de Historiadores do Cine, presidida polo Historiador Julio Pérez Perucha, aproveitou o evento para entregar as medallas de honra da AEHC do ano 2010 ao produtor e distribuidor Enrique Cerezo e ao actor Germán Cobos, e as correspondentes ao 2009 ao director e novelista Gonzalo Suárez e ao cineasta e director de fotografía Llorenç Soler. Ao tempo, entregáronse os premios de investigación AEHC 2009 ex-aequo a Román Gubern e Paul Hammond por Los años rojos de Luis Buñuel, e a Isabel Sempere por La producción cinematográfica en España, Vicente Sempere 1935-1975 e os correspondentes a 2008 a Félix Fanés, Esteve Riambau-Casimiro Torreiro no apartado de monografías, Pietsie Feenstra e Hub Hermans no eido das compilacións e Paulino Viota e Ana Martín Morán por cadanseu artigo publicado.

O XIII Congreso da AEHC contou ademais como colaboradores co Concello de Santiago, o Ateneo Republicano de Galicia (ARGA), a Deputación da Coruña, o Consorcio Audiovisual de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Egeda, Filmotech, Increcendo, Filmoteca Español e Filmoteca Regional Francisco Rabal.

Podes consultar acó o programa completo do congreso.

MÁIS NOVAS
Arranca o Seminario Permanente CO(M)XÉNERO na USC
07/11/2018

O luns 12 de novembro a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a primeira sesión do CO(M)XÉNERO, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero que organiza o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) . Dirixido por Margarita Ledo Andión, Catedrática de Ciencias de Comunicación e Publicidade da USC e coordinadora […]

Seguir lendo
As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega
Xornadas do CDG
16/10/2018

O Consello da Cultura Galega organiza estas xornadas que exploran as aplicacións tecnolóxicas relacionadas coa lingua para analizar a presenza do galego na contorna dixital. Nelas participa Pablo Romero Fresco, un dos investigadores do proxecto EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas (AEI, ref. CSO2016-76014-R), á súa vez director […]

Seguir lendo
Margarita Ledo, Xaime Fandiño e Brais Romero participan nas “Mesas interxeracionais do audiovisual galego” en Curtocircuíto
Do 4 ao 5 de outubro en Santiago de Compostela
28/09/2018

Tres integrantes do Grupo de Estudos Audiovisuais tomarán parte nas Mesas interxeracionais do audiovisual galego: xornadas construtivas para destruír tópicos, mitos e prexuízos do noso sector’, un conxunto de relatorios e debates que este ano ofrece o XV Festival Internacional de Cine- Curtocircuíto para atopar puntos en común entre os diferentes profesionais e os seus xeitos […]

Seguir lendo
© 2018 Estudos Audiovisuais