Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

José Luis Castro de Paz coordina un ciclo sobre o cinema español da posguerra no Museo Raíña Sofía

01/05/2016

O catedrático da USC e membro do Grupo de Estudos Audiovisuais, José Luis Castro de Paz, asume o comisariado do ciclo de cinema Vida en sombras. O cinema español no labirinto (1939-1953)>, que se desenvolve no Museo Raíña Sofía de Madrid do 28 de abril ao 27 de maio.

O réxime ditatorial organizou a produción cinematográfica de modo diametralmente oposto ao período republicano, desenvolvendo un sistema de protección económica e unha férrea censura ideolóxica. Con todo, en contra do que a miúdo se afirmou, tamén buscou a continuidade das tradicións culturais que foran artelladas durante a II República. De feito, o novo Estado fracasou na súa vontade de construír un cinema feixista, debido á disparidade de visións enfrontadas, como así amosa por exemplo as diferenzas entre o rancio conservadurismo de Raza (José Luís Sáenz de Heredia, 1942) e a modernidade falanxista e “eisensteiniana” de Vermello e negro (Carlos Arévalo, 1942). Tamén erraría no seu intento de eliminar o sustrato folclórico e popular, que, pese á fera oposición dos que vían en tales elementos unha abominable herdanza frentepopulista, logrou manter a súa presenza, como denota a obra do director Edgar Neville, unha pragmática e medida oposición cultural con títulos castizos e subversivos como Verbena (1941), La torre de los siete jorobados (1944) e a “*solanesca” Domingo de carnaval (1945).

Pese á negrura do período, a comedia será o xénero máis habitual. Baixo a influencia do humor moderno e absurdo da revista La Codorniz (fundada en 1941 por Miguel Mihura), a filmografía do momento amosou, como trazo dominante, unha decidida vontade reflexiva e metacinematográfica, que manifestaba a dificultade á que se enfrontaba a ficción á hora de abordar a escura realidade que se iniciou trala Guerra Civil.

Disidentes ao seu modo, os chamados ‘renovadores?’ (José Antonio Nieves Conde, director en 1951 da trascendental Surcos; Arturo *Ruiz-Castillo ou Manuel Mur Oti) e os ‘telúricos’ (Carlos Serrano de Osma, Lorenzo Llobet-Gràcia, Enrique Gómez), amosaron nas súas películas unha marcada preocupación social e un rechamante ‘compromiso estético’ -de raíz europea e vangardista pero á vez fondamente influenciado por Hollywood-, ademais de fondas preocupacións psicoanalíticas, transmitindo desoladores discursos sobre a época que lles tocou vivir e as súas demoledoras consecuencias.

A perda irremediable do obxecto amoroso, a miúdo encarnado por unha muller, asasinada, prohibida ou desaparecida, e a melancolía e ata a tolemia*resultantes son os nós narrativos habituais deste cine, que poden lerse como metáforas dun país abatido, poboado de sombríos recordos, que soportaba un complexo de culpa incontrolable. Tristezas, destrucións e soidades históricas convertidas en lúcidas feridas do desexo.

Proxeccións: Arquivo dixital transferido de película de 35 mm

MÁIS NOVAS
As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega
Xornadas do CDG
16/10/2018

O Consello da Cultura Galega organiza estas xornadas que exploran as aplicacións tecnolóxicas relacionadas coa lingua para analizar a presenza do galego na contorna dixital. Nelas participa Pablo Romero Fresco, un dos investigadores do proxecto EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas (AEI, ref. CSO2016-76014-R), á súa vez director […]

Seguir lendo
Margarita Ledo, Xaime Fandiño e Brais Romero participan nas “Mesas interxeracionais do audiovisual galego” en Curtocircuíto
Do 4 ao 5 de outubro en Santiago de Compostela
28/09/2018

Tres integrantes do Grupo de Estudos Audiovisuais tomarán parte nas Mesas interxeracionais do audiovisual galego: xornadas construtivas para destruír tópicos, mitos e prexuízos do noso sector’, un conxunto de relatorios e debates que este ano ofrece o XV Festival Internacional de Cine- Curtocircuíto para atopar puntos en común entre os diferentes profesionais e os seus xeitos […]

Seguir lendo
Preséntase os resultados do proxecto “Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela”.
Trátase dunha iniciativa de Aprendizaxe-Servizo, na que o alumnado se converte en voluntario con capacidade para mellorar unha necesidade social da súa contorna
25/09/2018

Un podcast cultural sobre os cafés teatro de Compostela, un mapa sonoro da cidade, un percorrido fotográfico polos barrios ou pequenas pezas audiovisuais son algúns dos resultados do proxecto de innovación educativa ‘Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela’ que este mércores se presentarán na […]

Seguir lendo
Estudos Audiovisuais G.I. 1786
Departamento de de Ciencias da Comunicación
Facultade de Ciencias da Comunicación
+34 881 816 598 | +34 881 816 571
info@estudosaudiovisuais.org
© 2018 Estudos Audiovisuais