Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Arranca o Seminario Permanente CO(M)XÉNERO na USC

07/11/2018

O luns 12 de novembro a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a primeira sesión do CO(M)XÉNERO, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero que organiza o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) .

Dirixido por Margarita Ledo Andión, Catedrática de Ciencias de Comunicación e Publicidade da USC e coordinadora do GEA, o seminario CO(M)XÉNERO busca ser un foco permanente de discusión e formación sobre o papel dos medios na vertebración da sociedade,  con especial atención á visibilización informativa e cinematográfica da(s) identidade(s) de xénero. Nesta andadura conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, o programa Territorio das Mulleres, a Asociación Xornalistas Galegas e o Colexio de Xornalistas.

Esta primeira sesión do CO(M)XÉNERO arranca as 16.00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. Logo da benvida ás persoas asistentes e a presentación do seminario a cargo de Margarita Ledo Andión, intervirá Ana Jorge Alonso, profesora da Universidade de Málaga (UMA). Doutora en Ciencias da Comunicación pola UMA e cunha ampla traxectoria investigadora en comunicación para o cambio social e o desenvolvemento, especialmente centrada nos Estudos da Muller, Ana Jorge presentará a ponencia “Xénero e poder. A construción do discurso e o espazo mediático”.

A seguir, tomará a palabra a investigadora Carla Cerqueira, doutora en Ciencias da Comunicación con especialización en Psicoloxía da Comunicación pola Universidade do Minho. Bolseira posdoutoral no Centro de Estudos de Comunicação e Socidade (CECS-Universidade do Minho) e profesora auxiliar na Universidade do Porto, Carla Cerqueira centra a súa investigación nas relacións entre o xénero os medios, as desigualdades sociais e a comunicación no marco das ONG’s. A súa intervención no seminario leva por título “Xénero e xornalismo. Representacións e (in)visibilidades. Pautas para un tratamento informativo libre de tópicos sexistas”.

A terceira das relatoras convidadas do CO(M)XÉNERO é Marta Pérez Pereiro, doutora en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela e membro do Grupo de Estudos Audiovisuais. Esta investigadora, que centra a súa carreira na análise da ficción televisiva e cinematográfica e os estudos sobre o humor, analizará o papel dos textos, filmes e iniciativas asinadas por mulleres no discurso cinematográfico coa intervención “Xénero e cinema. A crítica feminista na construción da ollada”.

O seminario pecha coa proxección do filme  Tódalas mulleres que coñezoda realizadora Xiana do Teixeiro. Doutora de Comunicación Audiovisual pola Universitat Autónoma de Barcelona e estudante egresada da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xiana do Teixeiro dirixe, guioniza e produce este filme que conversa sobre a desigualdade social de homes e mulleres e ten a cidade de  Lugo como pano de fondo. Ao remate da proxección, relatoras e participantes manterán un debate aberto sobre a película.

O seminario CO(M)XÉNERO está dirixido a profesionais, estudantes de comunicación e a todas as persoas interesadas en facerse con ferramentas para unha lectura crítica dos mesmos. A participación é de balde previa inscrición a través do formulario dispoñible na web www.estudosaudiovisuais.gal.

Para máis información: info@estudosaudiovisuais.gal

 

MÁIS NOVAS
Arranca o Seminario Permanente CO(M)XÉNERO na USC
07/11/2018

O luns 12 de novembro a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a primeira sesión do CO(M)XÉNERO, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero que organiza o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) . Dirixido por Margarita Ledo Andión, Catedrática de Ciencias de Comunicación e Publicidade da USC e coordinadora […]

Seguir lendo
As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega
Xornadas do CDG
16/10/2018

O Consello da Cultura Galega organiza estas xornadas que exploran as aplicacións tecnolóxicas relacionadas coa lingua para analizar a presenza do galego na contorna dixital. Nelas participa Pablo Romero Fresco, un dos investigadores do proxecto EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas (AEI, ref. CSO2016-76014-R), á súa vez director […]

Seguir lendo
Margarita Ledo, Xaime Fandiño e Brais Romero participan nas “Mesas interxeracionais do audiovisual galego” en Curtocircuíto
Do 4 ao 5 de outubro en Santiago de Compostela
28/09/2018

Tres integrantes do Grupo de Estudos Audiovisuais tomarán parte nas Mesas interxeracionais do audiovisual galego: xornadas construtivas para destruír tópicos, mitos e prexuízos do noso sector’, un conxunto de relatorios e debates que este ano ofrece o XV Festival Internacional de Cine- Curtocircuíto para atopar puntos en común entre os diferentes profesionais e os seus xeitos […]

Seguir lendo
© 2018 Estudos Audiovisuais