Actividades
Cursos de formación, seminarios e congresos

Escaramuzas Artísticas da AAAG

O cinema documental en Galicia: O legado de Carlos Velo

Escaramuzas artísticas, é unha serie de encontros de debate de periodicidade mensual en que reputadas voces especializadas nos sectores do audiovisual e da escena intercambiarán os seus puntos de vista ao respecto de diferentes temas que atinxan aos/ás profesionais destas disciplinas. AsEscaramuzas artísticas, que contan co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), buscan ir máis aló dos tradicionais coloquios, rompendo as habituais distancias das mesas redondas e achegando un ambiente distendido e participativo. Estes encontros están destinados tanto aos/ás profesionais do sector coma ao público xeral.

Esta terceira sesión, a primeira tras o parón do verán, celebrarase ás 20.00 horas na Lasso-Cafetería do Auditorio de Galicia de Santiago (Avenida Burgo das Nación, s/n) e centrarase no xénero documental baixo o título ‘O cinema documental en Galicia: O legado de Carlos Velo’. Estará moderada pola xornalista Montse Dopico e nela intervirán Margarita Ledo, Pela del Álamo e Jaione Camborda.

PARTICIPANTES

Margarita Ledo Andión. Xornalista, escritora, cineasta, catedrática da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago e membro de número da Real Academia Galega. Como realizadora, asinou títulos documentais como Santa Liberdade (2004) ou Liste, pronunciado Líster (2007), participando ademais na peza colectiva Hai que botalos (2005). En 2012 estreou a súa longa de ficción A cicatriz branca.

Pela del Álamo é realizador, xestor cultural e director desde 2013 do Curtocircuíto. Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que precisamente celebrará a súa nova edición entre o 29 de setembro e o 7 de outubro. No seu traballo audiovisual, destaca o seu documental N-VI, que bota unha ollada ás marxes da histórica estrada que une Madrid e Galicia, as súas paisaxes tanto naturais coma humanas, así como as alteracións que sufriron tras a apertura da autoestrada.

Pola súa banda, Jaione Camborda é directora, guionista e produtora. Na súa traxectoria no audiovisual sobresaen producións como Rapa das bestas (2017), Arima (2017), Proba de Axilidade ou Nimbos. Como guionista, ademais participou en traballos como Ons ou Los Fenómenos. No ámbito da dirección artística, Camborda cultivou este campo en pezas como Las Altas presionesEncallados ou O Ouro do tempo.

Título do curso: Escaramuzas Artísticas da AAAG 'O cinema documental en Galicia: O legado de Carlos Velo’Datas: 26/09/2018 - 26/09/2018Lugar: Lasso-Cafetería. Auditorio de Galicia
26/09/2018Lasso-Cafetería. Auditorio de Galicia
Descargas
Mediateca
© 2024 Estudos Audiovisuais